Inauguración do Edificio de Novas Tecnoloxías

A Alcaldesa de Lugo, xunto con membros da Corporación Municipal e o Presidente da Deputación, Darío Campos, inauguraron esta tarde o Edificio de Novas Tecnoloxías, co que o Concello dota dunha nova infraestrutura pública ao casco histórico, neste caso destinada a facilitar o acceso de todos os veciños e veciñas ás novas tecnoloxías.

A posta en marcha do edificio de novas tecnoloxías e do Vello Cárcere como centro cultural, a vindeira semana, supoñen o colofón final ao Plan Urban, un programa de investimento de 13 millóns de euros e que “transformou a cidade, recuperou espazos públicos para o seu uso público e puxo en valor a riqueza arqueolóxica que posuimos”, subliñou a rexedora.

Estas obras, que supoñen a ampliación da Casa Consistorial, contaron cun orzamento de 330.500 euros, aos que hai que engadir os 495.000 que custaron as expropiacións e indemnizacións, outros 95.000 investidos na demolición e traballos arqueolóxicos e 65.250 do equipamento informático, é dicir, un orzamento total de preto dun millón de euros. As tarefas realizáronse en dúas fases, financiadas con cargo aos fondos do Plan Urban, que cofinancia nun 80% a Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e que conta tamén con achegas do Concello e a Deputación de Lugo.

Esta actuación implicou a expropiación de dous pequenos edificios situados a carón do Concello para construir e realizar os equipamentos de primeira instalación dunha dotación dedicada a usos relacionados coa sensibilización das novas tecnoloxías, con actividades dirixidas tanto á cidadanía como a empresas. Entre as alternativas que ofrece, ten unha biblioteca especializada en TIC, aula para a formación, espazo para uso de dispositivos electrónicos propio, área de navegación e sala multiusos equipada para videoconferencias e bucle magnético para persoas con deficiencia auditiva.

O equipamento informático co que conta son: 36 ordenadores, 3 impresoras, dous televisores, dous soportes para televisor e seis licenzas de programas e software informáticos.

As intalacións

Ten unha planta baixa, onde se ubica un espazo de atención ao público, con un sofá, mesa e taburetes, que foron realizados por ASPNAIS, e unha zona para cargar dispositivos. Así mesmo, hai equipos informáticos a disposición de usuarios e unha biblioteca cuns 350 libros sobre seguridade informática, software, programación, etc, que está integrada coa municipal. Na primeira pranta atópase unha aula de usos multimedia, así como unha sala de ordenadores, e na segunda, outra sala de ordenadores. Conta con wifi en todo o edificio, que, como no podía ser doutro xeito, é totalmente accesible.

Restos dunha basílica romana

Na pranta baixa, todos os que se acheguen a este centro poderán observar restos dunha basílica romana, a única mostra visible do Foro romano da cidade. Trátase dun muro perimetral da nave central da basílica, e outro que é paralelo a este e que se usou como base para algunha estrutura non identificada. O muro de peche ten un grosor de 1,30 metros e está composto por opus caementiciumn, un tipo de formigón romano composto de cantos de río e típico da zona norte, na base e por laxes de lousa na parte superior. O outro muro, máis pequeno, dun metro de anchura, serviría como base para poñer un acceso ou para a instalación de estatuas.

De cara a converter Lugo en punto neurálxico da tecnoloxía

O Goberno de Lugo ten vontade de converter este edificio de novas tecnoloxías no punto neurálxico dos recursos tecnolóxicos da cidade, dirixido a todos os públicos e de todas as idades, dende mozos a maiores, ben sexan ou non profesionais, e tamén empresarios, emprendedores ou asociacións.

Horario

O edificio, que pasa a depender da área municipal de Concello e Cidadanía, estará aberto ao público dende o vindeiro luns, día 27, e con horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com