A Concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, e outros edís da Corporación Municipal, visitaban este mércores os 24 postos do mercado solidario Diversiarte, na Horta do Seminario co obxectivo principal de “colaborar coas asociacións e colectivos a que recaden para desenvolver os seus proxectos e accións dentro do seu ámbito”. Neste sentido, a edil lembrou que o ano pasado non se puido celebrar esta iniciativa polas restricións da COVID-19, polo que “estabamos todos desexando que chegase este día”.
A 15 edición desta iniciativa solidaria, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coas distintas asociacións do eido social de Lugo, “é unha oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area”. A Concellería de Benestar Social convidou “a todos os lucenses e veciños a que participen e adiante nas compras de Nadal neste mercado Solidario”.
Durante a inauguración, a edil destacou a “importancia de apoiar iniciativas deste tipo á hora de recadar fondos para as asociacións, que demostran o compromiso do Concello de Lugo co tecido asociativo, ademais de, servir para axudar e visibilizar o traballo tan importante que estas entidades realizan con colectivos que requiren da axuda de todos e todas”.
A campaña de venda arrincaba esta mañá, e durará ate o vindeiro 17 de decembro en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Neste Diversiarte, o comprador poderá mercar obxectos realizados polos propios asociados e asociadas de cada colectivo; bonecos, cestos, xabóns, entre outros. O xoves 16, ás 19:00 horas, terá lugar unha lectura de contos de obras escritas por persoas con discapacidade, esta actividade está organizada pola Fundación Anade, e a continuación, ás 19:30 horas, a Asociación Os Pinchacarneiros interpretará a obra de teatro O Lazarillo do Miño. Dentro da programación de actividades, esta previsto para o venres 17, unha actuación musical, ás 19:30 horas, a cargo de Luis Pérez e Miguel Bello.
O mercado solidario conta coa colaboración do Concello de Lugo, e a participación dos seguintes colectivos: Síndrome Wolf, AGAL, Capaces, Alucem, Alusor, Alufi, AECC, Diabéticos Lucenses, AFALU, ALCER, ASPALU, FADEMGA, ONCE, AUXILIA, ADACE, ASPNAIS, FEAFES, ALUME, COGAMI, ASORLU, ASFEGA, DOWN, San Vicente de Paúl, Bonhomía, Os Pinchacarneiros e Raiolas.