Onte inaugurábase o novo Auditorio municipal de Lugo, ao que denominou Fuxan os ventos, na honra do grupo de folk que fundara o crego Xesús Mato aló polo ano 1972.
No transcurso do acto, Tereixa Novo, unha das compoñentes históricas e a voz máis recoñecida do grupo, descubriu unha placa antes de comezar o concerto de Ainhoa Arteta.
Ao acto asitiron representantes dos tres partidos políticos que teñen representación no Concello e na Deputación, así como o Conselleiro de Cutura da Xunta de Galicia, que sinalou á este novo contedor cultural como “ novo e importante referente cultural para a cidade e toda a provincia, grazas á relevante contribución realizada polo Goberno galego.
O responsable de Cultura da Xunta lembrou os case 25 millóns de euros que o Executivo autonómico destinou para a construción desta infraestrutura de preto de 20.000 metros cadrados e tamén para a dotación de equipamento”.
Pola súa banda o BNG, que será a partir de agora o que xestionará esta infraestrutura, non fixo declaracións sobre o auditorio e limitouse a sinalar as protestas dos veciños de Coeses que se manifestaron durante o acto de inauguración, para esixir a paralización da planta de biometano que se pretende instalar na súa parroquia, “a delegación do BNG saudou á veciñanza afectada pola planta de biometano proxectada en Coeses, que se concentrou á entrada do auditorio”.
No tocante ao Psoe, organizador do acto, o mandatario provincial destacou a “boa sintonía que mantemos co Concello de Lugo para sacar adiante proxectos e iniciativas que non só beneficien aos veciños e veciñas desta cidade, senón tamén a todo o conxunto da provincia. En concreto, para a realización deste evento de inauguración recordou que a institución provincial colaborou coa contratación dos concertos principais a través dun acordo coa entidade local”.
O Presidente da Deputación, acompañado da alcadesa de Lugo, subliñou tamén que “este novo espazo fortalecerá a identidade cultural da provincia con espectáculos de primeiro nivel que tamén impulsarán o turismo, a economía local e que ademais, xerarán novas oportunidades para os lucenses e o noso territorio”