Esta mañá foi inaugurado un novo sendeiro peonil en Foz, situado entre as praias de Peizás e A Pampillosa, nuns terreos expropiados que pasaron a uso de dominio público para este fin.
Cunha lonxitude de 1.600 metros e unha achega de 886.000 euros, o novo camiño permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro. Estes novos traballos posibilitan un trazado continuado de paseo de preto de 15 km desde Barreiros ata A Pampillosa.
Á inauguración asistiron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o alcalde de Foz, Francisco Cajoto; a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez; e o xefe provincial de Costas, José Miguel Estevan.
O delegado do Goberno central puxo de relevo que “a incorporación destes terreos para uso e desfrute dos veciños e veciñas tanto de Foz como da comarca da Mariña permitirá gozar desta senda peonil de preto de 1.600 metros, explorando novas franxas da costa e aproveitando os valiosos recursos naturais que ten este concello”.