Independencia

Na última sesión plenaria da Deputación Provincial de Lugo, que foi dobre e en conxunto durou preto de sete horas, non fai falla dicir que Martínez foi protagonista porque o seu papel de verso libre nun conxunto presumiblemente harmónico aínda interpretando papeis diferentes, permítelle protagonismos que doutro xeito quedarían diluídos dentro do grupo político ao que pertence.

Martínez pretendeu ser presidente da Deputación, sen conseguilo. E xa que sabe que neste período político non vai ter papel presidencial na Corporación, atense ao seu papel municipal, rexindo o Concello de Becerreá, procurando para este concello a maior rendibilidade.

Hai uns días fíxose pública a posibilidade de que algúns alcaldes independentes da provincia de Lugo –non hai que esquecer que de facto Martínez é agora mesmo un independente, como o son o de Monterroso, o de Chantada ou o de Rábade- poderían confeccionar candidaturas independentes para as próximas municipais, e loitarían por conseguir un posto na Deputación para ser chave de goberno.

Para esa operación compre asentar o papel dos políticos nos seus concellos, e parece que Martínez se vai facer forte en Becerreá, xa pola súa natural influencia no concello, pero tamén conseguindo dotacións esenciais que lle garantan unha aínda mellor posición.

Conseguir unha residencia comarcal de maiores en Becerreá e un centro de día, construción que estará moi avanzada cando as próximas eleccións, é asegurarse un excelente clima político para o futuro. Antes, votou ao seu favor o PP. Agora, incluso o Psoe aproba a Residencia. Porque o disputado voto do deputado Martínez é esencial á hora de aprobar presupostos, e sen esta aprobación nada é posible nunha institución.

A tranquilidade presupostaria ben merece unha residencia de maiores, por outra parte seguro que necesaria para a comarca. E para Martínez é o pasaporte para o futuro. Así que, en definitiva, case todos contentos. E Becerreá terá unha instalación que seguro interesa a moita xente nesta terra que envellece a gran velocidade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com