Dúas novas estreas ben diferentes son as protagonistas da semana en Codex Cinema, filmes de procedencias moi diversas, un retrato xeracional a medio camiño entre Francia e India; e un intimista e premiado drama paraguaio, que chegan ás salas lucenses para ofrecer novas miradas e novos retos aos espectadores.
Maya é o sexto filme de Mia Hansen-Love, cineasta francesa que debutara hai xa máis dunha década coa sorprendente Todo está perdoado, que a converteu nunha das grandes esperanzas do cinema europeo con tan só 26 anos. O cinema desta artista francesa é altamente introspectivo, nas súas historias non só fai retratos persoais, senón que fala das vidas dos seus achegados: os seus pais, os seus mentores, ou o seu irmán; mais a súa achega ao cinema está marcada tamén polo seu talento para captar a actualidade do momento que viven os protagonistas, o ritmo frenético da vida, os pensamentos e as formas de sentir de unha xeración, a conciencia do mundo.
Maya conta unha historia de amor entre dous mozos que tratan de fuxir das súas orixes, de fuxir dun mundo en crise permanente. Un filme que fala das traxedias naturais, dos conflitos bélicos do noso tempo, mais tamén emociona coa sensibilidade introspectiva tan típica desta cineasta.
En espazos máis reducidos móvese Marcelo Martinessi con Las Herederas, un traballo con poucas personaxes, un grupo de mulleres que, despois de moitos anos de submisión inconsciente ante un mundo de homes, redescobren a súa liberdade, a súa capacidade para amar, alén das normas dunha sociedade pechada e chea de prexuízos. O filme arrasou no festival de Berlín do ano pasado, gañando tres dos premios máis importantes: dous osos de prata, un recoñecendo o seu valor artístico e outro á mellor actriz, e o premio da crítica internacional. Tamén foi seleccionada polo seu país, Paraguai, para competir nos Óscar de Hollywood ao galardón de mellor película estranxeira, o que non foi suficiente para evitar unha grande polémica no país.
Moitas organizacións conservadoras trataron de boicotear o filme pola visión feminista e contra a sociedade patriarcal que reflexa, que era considerado como inmoral. Desde o venres, o público de Codex Cinema poderá decidir.
Cinema lucense
O luns 18, na véspera da festa do día do pai, Codex Cinema ofrece unha sesión moi especial, unha festa do cinema lucense, unha aposta polos novos creadores da cidade. Desde hai algo máis dun ano, un grupo de amigos, algúns cineastas, outros artistas, moitos simplemente curiosos e amantes do arte en xeral, decidiron reunirse periódicamente para intercambiar ideas e sacar adiante proxectos.
Así naceu o grupo de traballo Cinerxias, coordinado por Brian Rodríguez Cortiñas e Iago de Sant, que medra en cada novo encontro. Desde Codex Cinema queren apoiar esta proposta (así como moitas outras do panorama audiovisual lucense) e por iso na noite do luns ofrecerase unha festa da asociación con presentacións e proxeccións de curtas.
Post Views: 0