A Asociación de Veciños “Porta de Lugo” quere facer pública a indignación dos veciños do barrio coa xestión de obras por parte do BNG e Rubén Arroxo; se antes foi a praza da Igrexa cuxas obras consistiron inicialmente en dar unha cementada na praza, desatendendo as peticións veciñais de humanización, que posteriormente remendaron con 4 bancos de madeira e 2 maceteiros cun loureiro cada un (dos cales un, xa secou en menos dun mes).
Agora indicaron que ían substituír o muro e piso do corredor de saída da segunda planta do Ascensor de máis ou menos 25 mts. de longo que levamos 2 anos solicitando por risco de esborralle (sería esta unha obra que non debería superar os 15 días en tempo de execución), pero non resultou así e a obra leva en execución máis de 21 días e aínda queda un tempo para a súa finalización, o que está a xerar innumerables molestias aos residentes na área do Polígono Sagrado Corazón, porque a saída á planta nº 2, é a única que permite o acceso directo sen escaleiras nin empinadas costas, tanto para cadeiras de rodas, coches de bebé ou persoas con mobilidade reducida, pero esta situación non preocupa ao BNG, xa que as obras estiveron paralizadas “sen razón” a maior parte do tempo transcorrido, traballando algún día a media xornada ou por horas.
Ante esta situación “Porta de Lugo” solicita a intervención directa da alcaldesa de Lugo, para solucionar esta situación e rematar a obra de forma inmediata.
AA. de VV. Porta de Lugo.