Medio Ambiente somete a información pública a solicitude de inclusión de varios exemplares no catálogo de árbores senlleiras

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de someter a información pública a solicitude de inclusión de varios exemplares dentro do Catálogo de Árbores Senlleiras. O Diario Oficial de Galicia de onte publicaba (http://bit.ly/2gIvRlP) o anuncio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se inicia este proceso.

 Trátase dun exemplar de teixo en Santa Locaia, no Concello de Lugo, unha nogueira en Sísamo, en Carballo e unha camelia en San Pedro de Corcoesto, no Concello de Cabana de Bergantiños.

 Agora, ábrese un período de información pública durante un prazo de 20 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG. Durante ese período, a documentación poderá ser examinada nos seguintes lugares: na Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería, en Santiago de Compostela; na Xefatura territorial da Consellería na Coruña (Rúa Vicente Ferrer, 2) e na de Lugo (rolda da Muralla, 70).

 Tamén se habilita a consulta a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente (http://cmaot.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=expedientes_senlleiras.html&sub=Arbores_senlleiras/), na que se inclúe información de cada expediente. As persoas interesadas poderán remitir as súas observacións e opinións por escrito ou ben a través do correo electrónico.

 O Catálogo de Árbores Senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes dunha protección especial en atención ás súas características excepcionais.

 Configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos as persoas propietarias, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

 Desde a entrada en vigor do Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, as solicitudes de catalogación ou descatalogación de exemplares e formacións, e a documentación presentada xunto a elas, someteranse ao trámite de información pública por un prazo de vinte días, para os efectos de que as persoas interesadas poidan presentar os documentos e xustificacións que consideren oportunas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com