O vindeiro mércores o Concello sacará a licitación o proxecto de derribo do Garañón. O procedemento de demolición, que se acometerá por execución subsidiaria, discorre de xeito simultáneo ao prazo de dous meses que a Administración local lle concedeu á propiedade para que se faga cargo dos traballos.
A Alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, explicou que a Xunta de Goberno autorizará a contratación dun proxecto visado de obras completo de demolición que inclúe a reposición ao estado orixinal dos terreos -co que se dá así resposta á sentenza que obriga a repoñer a legalidade urbanística na contorna-, a execución das obras, así como a dirección facultativa necesaria das mesmas e que abranguerá a todo o edificado sen título habilitante.
Lara Méndez apuntou que, tendo en conta o carácter excepcional e complexo do expediente e que o derribo se pode realizar por diferentes métodos – manual, mecánico, combinado, ou incluso voadura controlada -, o Executivo entendeu conveniente licitar a obra a través dun contrato mixto, descartando outras posibilidades como o concurso de proxectos, para diminuír o custo da operación, favorecendo, alén, a libre concorrencia. Por iso, a empresa debe redactar e executar o proxecto. O prazo de entrega do proxecto será de dous meses e o de materialización da demolición, de 8 meses, que comezarán a contar dende a data na que se asine a acta de replanteo.
A superficie onde actuará será de 18.662 m² e o valor estimado da licitación ascende a 965.000 euros (cuxa consignación orzamentaria xa está habilitada), unha cantidade que foi determinada en base ás consultas realizadas a diferentes empresas especializadas en grandes demolicións.
Asemade a alcaldesa anunciou o compromiso de converter o espazo onde se levanta o Garañon (URPI 58) nunha zona verde na súa totalidade da un novo paso coa aprobación mañá do proceso de licitación para derrubar de forma inminente o edificio, “derrubo que, tal e como prometemos, desenvolverase neste mandato”, sostivo a rexedora.