“Iniciativa Xove” financiou un total de seis proxectos na provincia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Jose Manuel Balseiro visitou esta tarde as instalacións da asociación Down Lugo un colectivo que resultou beneficiario dunha axuda de 5.000 euros ao abeiro do programa Iniciativa Xove que promove a Consellería de Política Social a través da dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Down Lugo

En particular esta iniciativa  ten como finalidade a de formar a un grupo de mozos e mozas como autoxestores de ocio. A Asociación bríndalles un lugar de encontro no cal expresar e manifestar as súas ideas de cara a realizar actividades de tempo libre e tamén pon a súa disposición os recursos que posúe, coa clara intención de que os usuarios/as sexan os protagonistas e beneficiarios principais deste proxecto.

O Programa de Ocio desenvólvese tanto dentro da aula (planificación da actividade) coma fora da aula (a saída propiamente dita). Un profesional traballa de xeito continuo e directo co grupo tanto na aula coma nas saídas. Os voluntarios/ as préstanlles a súa axuda nas diferentes actividades. Finalmente desenvolven actividades creativas, deportivas, culturais e diversos encontros entre os máis mozos.

A Asociación Down Lugo foi creada no ano 1996 por iniciativa dun grupo de pais e nais de persoas coa síndrome de Down comprometidas coa procura de solucións aos problemas particulares que leva esta discapacidade. Durante estes anos de existencia, Down Lugo definiu un estilo de traballo marcado sobre todo, polo compromiso social a favor da integración e participación das persoas coa síndrome de Down.

Conxunto da provincia

O delegado territorial aproveitou tamén súa visita para destacar que na última convocatoria resolta do programa Iniciativa Xove a Consellería de Política Social destinou un total de 24,618 euros para financiar seis proxectos que promoveron distintas asociacións e colectivos da provincia de Lugo.

Entre os beneficiarios atópase ademais de Down Lugo, o colectivo Cáritas Diocesana de Lugo,; a Asociación de persoas xordas de Lugo (ASORLU); a Asociación Xuvenil Lucense Ateibo; o colectivo lucense Xaquedrum; a monfortina Asociación Xuvenil Naufragos do Paradiso, e o colectivo xuvenil Tir na nÓg.

Marcado carácter social

Nesta ocasión, segundo indicou o delegado territorial, destacan sobre todo as iniciativas polo seu carácter social, malia que son directamente os mozos e mozas os que fan as súas propostas que despois son valoradas e, de obter a puntuación oportuna e cumprir todos os requisitos contan co apoio da Xunta. Dáse a circunstancia ademais de que nesta ocasión a Xunta de Galicia financiou o cen por cento todos os proxectos que obtiveron a puntuación mínima necesaria e cumpriron os requisitos para participar no programa.  Neste programa poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas ou entidades que presten servizos á mocidade, como é o caso de moitas das beneficiarias.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com