O Centro de Innovación Social InLugo, que xestiona a Fundación TIC dependente da Deputación, adianta a este venres a celebración do Día Mundial de Internet 2015 coa xornada formativa Viaxe a mil e un lugar coas TIC. Esta iniciativa inclúe diversas actividades dirixidas aos maiores de 55 anos da provincia, enfocadas á aprenderlles dun xeito lúdico e sinxelo como realizar viaxes virtuais.
As actividades serán impartidas por docentes do InLugo e técnicos da TIC, coa participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son. Ademais, aproveitando esta xornada, os alumnos de 1º de Produción da EIS gravarán imaxes e realizarán entrevistas para a elaboración dunha reportaxe de televisión como práctica dos módulos de Planificación de Proxectos Audiovisuais e Medios Técnicos Audiovisuais.
Tres espazos para viaxar de xeito virtual
A xornada desenvolverase ao longo de todo o venres na sede do InLugo, na rúa Frei Plácido Rey Lemos, en horario de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas. Haberá tres espazos con diversas actividades, nas que os asistentes participarán de xeito activo.
Na Sala 1: Exporando mundos virtuais, cos programas informáticos Gooble Earth y Street View; A volta ao mundo en 80 webs, con links a 80 lugares que conten con webcams que ofrezan en tempo real imaxes de lugares dispares de todo o mundo; e Lembrando a túa viaxe, onde poderán inmortalizar a súa visita virtual nunha fotografía con croma.
Na Sala 2: Zona de impresión, na que os asistentes levarán a súa foto nun marco de cartón conmemorativo do Día de Internet e en formato dixital nun pendrive; Descubrindo a cidade, un xogo online, con dúas unidades móbiles, unha na Praza de Abastos e outra percorrendo o centro da cidade, coas que se conectará en directo.
As viaxes terán unha parada a media mañá e a media tarde. Para isto, na terraza do InLugo, ofrecerase café, zumes, auga e degustación de produtos de Lugo. Amosaranse aos asistentes como poden comprar eses produtos a través en internet. Esta xornada formativa está incluída na encomenda de xestión da Deputación á Fundación TIC “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia”.