Operarios da empresa Frisaqués completarán ao longo da xornada de hoxe a instalación do sistema de aire para climatizar a pista do Pazo dos Deportes.
Os traballos comezaron o pasado martes, tras constatarse na xornada anterior que a condensación que provocou a suspensión do encontro CB Breogán-Tenerife se produciu como consecuencia dos altos niveis de humidade -con niveis próximos ao 100% – e do choque térmico entre a temperatura ambiente e a do parqué da pista.
Nestes días, os operarios instalaron as tubaxes para a impulsión e retorno do aire que se insuflará baixo a pista e os cadros de control do sistema, que se activará só no caso de que os factores ambientais o aconsellen. Ademais, reforzaron a capacidade de ventilación do Pazo, coa instalación de novas bocas de extracción pensadas para unha evacuación máis eficaz da humidade.