A Asociación Interior Galego Vivo (IGV) ven de emitir un comunicado no que, entre outras cousas, subliña que a “diferencia das pensións, en xeral, entre homes e mulleres en Galicia é dun 25% (segundo datos do Ministerio de Facenda en 2022): supón 4.546 € anuais menos de media ao ano que cobran as mulleres por baixo dos homes”.
Esta desigualdade no nivel de ingresos e de vida na xubilación vén determinada por “unha desigualdade de base: elas dedicaron máis tempo ao coidado da familia, sen remunerar nin recoñecer, e tiveron traballos remunerados máis precarios, ou mesmo non cotizaron a pesar de traballar na empresa familiar”.
Segundo IGV, “aínda que é un feito a revalorización das pensións nos últimos anos por parte dun goberno progresista (o PP no Goberno do Estado non o fixo nin o ía facer votando en contra), a realidade das provincias interiores galegas é moi dura, xa que a media das pensións de Lugo e Ourense é a máis baixa do estado, estas dúas, son as provincias con pensións máis precarias; segundo datos do INSS non superaron a barreira dos 1000 € de media – aínda que o Delegado do Goberno afirmou que si o fixeron neste ano 2024 as de xubilación, pero continúan sendo as máis baixas de todas-. E, con todo, as medias agochan desigualdades, unha das máis importantes, a de xénero, as mulleres de Lugo e Ourense cobran pensións moi baixas”.
Tamén, “as pensións de viuvedade destas dúas provincias, sobre todo de mulleres – están, de media, por baixo dos 700 €, algo que non acontece en ningunha outra provincia do estado. E todo isto nun contexto no que as pensións son a principal fonte de rendas da cidadanía nos concellos do interior máis avellentados (practicamente todos os que non son cabeceira comarcal)”. Aseveran.
A asociación incide en que “non podemos permitir que as mulleres que sostiveron e sosteñen a vida das nosas comarcas teñan esta precariedade na súa madurez. Teñen dereito a pensións dignas e a un retiro de Benestar, con servizos públicos de calidade na súa contorna rural.
Cos datos que temos, podemos afirmar que as mulleres maiores de Lugo e Ourense son das máis pobres do estado. É por iso que este 8 de marzo, por elas, polas traballadoras incansables, e polas que veñen detrás, berramos, unha vez máis, en defensa da igualdade real nas nosas parroquias”. Asemade, reclaman que ningunha pensión sexa máis baixa que o salario mínimo interprofes ional.