Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil de Lugo dan por finalizada a operación Calcetín/ Salafranca na cal se incautaron un total de 1079 quilos de haxix, a detención de 56 persoas, vehículos, diñeiro en efectivo e numerosos teléfonos móbiles, na que se considera a operación máis relevante nestes últimos anos na nosa Comunidade Autónoma, no que a tráfico de haxix se refire por vía terrestre.
Esta investigación foi desenvolvida conxuntamente polo Grupo de Drogas da Brigada Provincial de Policía Xudicial do Lugo e o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Garda Civil de Lugo, baixo a coordinación da Maxistrada Xuíz, titular do Xulgado de Instrución Nº 1 de Lugo.
Esta operación logrou finalizarse con éxito a pasada semana coa detención de catro persoas e o rexistro tres inmobles en San Enrique de Guadiaro (Cádiz) onde se incautan máis de 600 kg de haxix, tres vehículos utilizados pola organización e 5.000 euros en efectivo.
A detención dunha persoa en Lugo e a intervención no seu domicilio dun quilo de haxix oculto nun calcetín, orixinou a denominada Operación Calcetín/ Salafranca na que se identificaron un grupo de persoas principalmente de orixe marroquí asentadas nesta cidade e os cales se fornecían de grandes cantidades de haxix a provedores afincados no sur de España.
Para o transporte da droga utilizaban vehículos lanzadeiras e outros provistos de caletas preparadas para a ocultación do haxix en dobres fondos, ou aproveitando ocos propios dos vehículos tanto nas defensas como nos paneis laterais. Unha vez chegada a droga aos seus puntos de destino, era gardada e custodiada en distintos inmobles e rochos que a organización tiña repartidos por diferentes zonas co fin de evitar a intervención total da droga en posibles rexistros policiais; aínda que os investigadores tras un arduo labor conseguiron determinar a localización dos inmobles o que permitiu a aprehensión dunha boa parte da droga intervida.
Esta operación foise realizando en distintas fases ao longo do último ano, nas que se foron desarticulando as ramas da organización encargada do transporte e venda do haxix con destino a Galicia, intervíndose en cada momento notables cantidades desta substancia, ata que se culmina a investigación cunha quinta fase, coa detención de catro persoas e o rexistro de tres inmobles en San Enrique de Guadiaro (Cádiz) onde se incautan máis de 600 kg de haxix, tres vehículos utilizados pola organización e 5.000 euros en efectivo.
Ademais, nunha parte desta operación a Policía e Garda Civil de Lugo procederon á detención e desarticulación doutro grupo organizado asentado en Huelva dedicado, ao transporte e introdución a España desde Marrocos de importantes remesas de Hachis, conxuntamente coa UDYCO Central da Policía Nacional, o EDOA da Garda Civil de Huelva e o Servizo de Vixilancia Aduaneira na que se interveu 2.300 kg de haxix, unha avioneta, dous ultralixeiros e nove embarcacións semirríxidas tipo planeadoras. Dita operación estivo coordinada polo Xulgado de Instrucción número 5 da Audiencia Nacional.