Irmán, mesmo como Cabanillas nos soñaba (“sereos/ coa limpa fronte erguida”), por galego, presidente noso en funcións, que o sábado brillou en Telecinco. Non digo “Pai Feijóo”, aínda que tamén saiba deso, que entón falaría do que no claustro grande de Samos nos acolle.
Eu teño a tele de brumosa compañeira mentras traballo na tranquila noite, e cando algo me chama a atención apunto os sentidos nesa dirección, sabendo que o desvío non me vai levar mais dun minuto. Pois o sábado estiven dúas horas e media atendendo a Telecinco onde un previsible Bertín Osborne confesaba a un inédito Feijóo (mesmo loubado polo ex Felipe) sobre o divino e o humano, aínda que dubido que a política encaixe neses campos de enerxía.
Só estiven ao lado de Feijóo Presidente o tempo que falou no cincuentenario de Aspnais, que eu conducía. Minutos antes, alguén do seu equipo me pasou o mañuzo de folios que ía ler, que cabe supoñer cheos de cifras e datos do especial papel de Aspnais na vida lucense. Sae a falar Feijóo, menciona aos seus irmáns de Aspnais, destacando a Julio, e este coñecido usuario desta benemérita institución que se ven para xunto ao presidente, cos centos de asistentes facéndolle a onda. Feijóo que non colle os papeis, abraza a Julio, e improvisa un discurso de irmán que arrebatou a todos.
Pois nada, que o sábado, entre Feijóo e Bertín, déronnos as doce e media. E como agora todo o mundo menos eu sabe como se volven ver os programas, recoméndoo aos devotos, para recrearse; aos de outra relixións, pasa saber a quen teñen; e aos paisanos nosos en xeral porque este irmàn que emigra nos fai un retrato a cor no que non quedamos nada mal.