A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe na Xornada Retos e Oportunidades do Corredor Atlántico e a súa Conexión cos Portos do Noroeste Español, que se celebrou en Xixón organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo xunto con distintas entidades representativas do empresariado de Galicia, Asturias e León e onde Rodríguez defendeu a incorporación da provincia de Lugo ao Corredor Atlántico.
A subdelegada do Goberno considerou de vital importancia para Lugo, a aposta do Goberno de Pedro Sánchez polo Corredor Atlántico. Ese compromiso do actual Executivo supón que o Corredor Atlántico é prioritario para o Goberno ao mesmo nivel que o Corredor Mediterráneo, tal e como destacou o Secretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, José Javier Izquierdo.
O Corredor Atlántico suporá un revulsivo para a mellora do servizo de transporte de mercadorías por ferrocarril dende distintos puntos de Galicia ata o resto de España e Europa, xa que inclúe un itinerario que conectará por ferrocarril os portos de Vigo e A Coruña e os centros loxísticos galegos como o porto seco de Monforte de Lemos.
Logo de que a Comisión Europea aceptara en xuño a ampliación do Corredor Atlántico para incorporar novos itinerarios como o de Coruña- Vigo-Ourense-León, agora esta decisión debe ser refrendada polo Parlamento Europeo e o Consello, co obxectivo de que entre en vigor no 2021. Unha vez superados eses trámites, España poderá optar aos fondos Conectar Europa para a incorporación da nosa provincia e o resto de Galicia ao desenvolvemento dunha rede transeuropea de transporte eficiente, sostible, conectada, inclusiva e segura.
Durante o período 2021-2027 repartiranse 30.600 millóns de euros para financiar melloras co obxectivo de facer interoperables as redes transeuropeas, que deben estar en funcionamento no ano 2030. A ampliación do corredor a Galicia non garante que se cofinancien os proxectos, pois as necesidades das redes transeuropeas son superiores ao orzamento previso. Pero a pertenza aos corredores garante a visibilidade e axuda a dispór de oportunidades de cofinanciación destas infraestruturas.