Isidro Novo

En Lugo, cidade pequena ou pobo grande, as noticias circulan a unha  velocidade incrible, boca a oído, oído a  boca… e a noticia do remate de xaneiro era o pasamento impensado de Isidro Novo –moi novo, comentábamos todos- amigo de todos, escritor e conversador, afable e atento, con devocións coas que todos comulgamos fervorosamente.

Vira a primeira luz en Lugo, o dia de San Froilán do ano 51, tiña pois 66 anos –que 66 anos, Isidro, non son nada-, pero todos viamos nel un mozo inquedo por ser e estar, por conversar e escribir, narrar ou poetizar, por dar ao prelo libros enxundiosos que no mesmo título levaban documento de identidade, fosen “Carne de can”, “Por unha presa de machacantes”, “Dende unha nada núa”, “O tabú na trastenda”, ou a “Guía do bebercio lugués”, unha xeografía báquica da capital lucense para curiosos, devotos, ou especialistas.

E a súa obra merecerá refrendos que se chaman “Premio Manuel Murguia” de narración breve, “Eusebio Lorenzo Baleirón” de poesía, ou Modesto Figueiredo do Pedrón de Ouro.

Cando ese 31 de xaneiro inauguramos unha mostra fotográfico-literaria de Aspnais na Biblioteca Provincial, comentouse, doémonos da súa morte, e lembrei que cando o invitamos a ir a Aspnais ver o que os discapacitados intelectuais fan naquela gran casa acudíu o primeiro día, na primeira visita, e logo volveu para celebrar no nome da Asociación de escritores en lingua galega, o Día de Rosalía –moi preto este día, de novo- e deixounos inédito, que vai sair próximamente en libro, un soneto “Para as amigas e os amigos de ASPNAIS, que aquí reproduzo na súa homenaxe:

“Lembro o voso cincuenta aniversario,
porque visitei a Asociación un día
de xaneiro do ano no que cumpría
celebrar ese longo itinerario.

Pareceume un mundo extraordinario
o voso, do que pouco coñecía,
e por iso o día de Rosalía
na vosa voz coidamos necesario.

Primeiro fora  ver o de Arieiras,
seguidamente o que tedes na Rampa
e quedei convencido que en Aspnais

non só sodes xentes alegres e riseiras
nas que acotío o bo talante campa,
senón que amais sodes moi profesionais.

Entre os presentes no acto de Aspnais, había antigos profesores de Isidro, compañeiros de estudos, actuais compañeiros das letras… todos, amigos.  Que a terra lle sexa leve ao amigo; que Rosalía o acolla como a un irmán, e que permaneza vivo na nosa lembranza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com