Ao carón do Pozo da Ola da Pontenova, celebrase maña sábado día 1 de setembro, a IV Edición da Feira da Malla, unha cita coa que colabora a Deputación e que incluirá demostracións con malles (un apeiro manual para bater o cereal e extraer o gran). Os traballos comezarán ás 12:00 horas, seguiran pola tarde, tras unha parada para a sesión vermú e a comida.
Asemade, dende as 17:00 ata as 20:00 horas, o Pozo da Ola acolle actividades lúdicas, deportivas-fluviais, gratuítas e abertas para todos os públicos, que o Goberno Provincial leva entre os meses de xullo a setembro a Concellos da provincia. Estas actividades desenvólvense en espazos naturais, e inclúen atraccións inchables, tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais e xogos populares. Cada sesión, que terá unha duración de entre tres e catro horas, contará coa supervisión de, canto menos, un coordinador e entre seis e doce monitores.
O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde convidou a todos os veciños e visitantes a achegarse a este entorno natural, para pasar un día de lecer e desfrutar destas actividades completamente gratuítas e abertas para todos os públicos. Esta iniciativa converterse nunha alternativa ao turismo de praia, e tamén ofrece a todos os visitantes poder descubrir as posibilidades de lecer dos nosos ríos.