Jaime Castiñeira anuncia unha mellora constante no rural

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anuncia unha “mellora constante” da zona rural no caso de ser elixido alcalde.

Durante a súa intervención na sétima edición da Comida de Confraternidade da zona rural, á que asistiron uns 300 veciños, Jaime Castiñeira trasladou que no caso de gañar as municipais, os residentes das parroquias gañarán en servizos como a ampliación na cobertura de telefonía móbil para evitar zonas de sombra, o incremento do número de núcleos con saneamento e con conexión á rede municipal de auga; ou a mellora das comunicacións, cun plan plurianual de mantemento de pistas e cunetas, que se completará cun programa de limpeza, desbroce e sinalización.

Paralelamente a estas medidas, o popular anunciou outras “xa non só para reter á poboación senón para fomentar o asentamento de poboación nas parroquias”, convertendo “o que hoxe son diferenzas en vantaxes”. Nesa liña, trasladou que se é alcalde establecerá bonificacións de ata o 95% nas licenzas de obra para explotacións agrícolas, así como a creación dunha liña de subvencións de ata o 25% en obras de adecentamento en fachadas, cubertas, cambios de ventás e cuartos de baño. “Todo isto completarémolo aprobando o 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal pendente dende 2012 e realizando os necesarios plans especiais para que en zonas de expansión se poidan dar licenzas”, asegurou Jaime Castiñeira.

Por outra banda, Jaime Castiñeira sinalou que o goberno municipal deixou, segundo os datos da liquidación de 2014, sen investir case a metade do previsto na zona rural. En concreto, dun orzamento total para investimentos “que nin sequera chegaba a 600.000 euros” (592.774,64 euros) só se executaron obras por importe de 324.229,74 euros. Fronte a esta realidade, “nós comprometémonos a incrementar o peso das parroquias nos orzamentos e, o que é moito máis importante, a materializar ese compromiso”, certificou o popular.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com