Un emocionado Jaime Castiñeira presentou hoxe ante os medios a súa renuncia como portavoz do Partido Popular no Concello de Lugo. O anuncio, farase efectivo a partir do día 29 de xuño, cando o edil presente a renuncia oficial ante o pleno municipal.
O popular, que ocupou a portavocía do Grupo Municipal no Concello de Lugo dende o ano 2010, informou da súa decisión nunha rolda de prensa onde estivo acompañado por compañeiros da agrupación aos que “agradezo os anos de traballo e o esforzo realizado”. Castiñeira tamén tivo palabras de eloxio para o resto da corporación e expresou a súa gratitude aos empregados municipais; ademáis destacou “a paciencia” que con el tiveron tanto os traballadores do concello, como a súa familia quen apoiou todas as súas decisións.
O popular non se quedou só nos agradecementos senón tamén aproveitou a ocasión para pedir disculpas ante “as posibles ofensas que puidera ter realizado coas miñas verbas en algunhas ocasións”.
Jaime Castiñeira deixa o Concello de Lugo, comprometéndose “a seguir traballando por Lugo, pola nosa cidade como deputado no Parlamento de Galicia onde é voceiro de Vivenda e Urbanismo, ademáis de Presidente da Comisión Segunda de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos”.
Por último, o popular fixo un chamamento ao consenso e animou á corporación a traballar por un Lugo mellor e non dubidar en unirse en aquelas cuestións que sexan de interese para todos os lucenses.