O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, afeou as declaracións realizadas esta mañá por parte do presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, en relación ás últimas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para combater a pandemia, avaladas hoxe mesmo polo propio Ministro de Sanidad, Salvador Illa.
O presidente do Executivo provincial cuestionou, nunha entrevista a outro medio, os peches perimetrais que estipula a Xunta denunciando que “só afectan a concellos do PSOE, e non do PP”, e criticou que algún dos concellos abertos ten máis casos activos de covid que os pechados e só varía o partido que os dirixe.
A este respectos, Arias fixo un chamamento á “responsabilidade de todos os cargos públicos na loita contra a pandemia, xa que mal faríamos se entramos agora a cuestionar por intereses políticos as deliberacións do comité clínico”. O representante da Xunta en Lugo lembrou que en Galicia “se existe un comité de expertos con nome e apelidos, que deciden en base a criterios puramente sanitarios, e debemos deixarlles traballar.”
Ao mesmo tempo, sinalou que “non podemos contribuír a confundir á poboación e todas as administracións debemos axudar a que as novas medidas sanitarias sexan cumpridas, e non a que se cuestionen por parte dalgún dirixente político”.
Arias rematou pedindo que se “deixen a un lado este tipo de confrontacións e remar todos na mesma dirección” porque estamos ante unha situación que é preocupante e esixe da adopción de medidas de maior calado para lograr reverter a situación epidemiolóxica.
Tamén esixe que os políticos actuemos con seriedade e con rigor, porque nunha situación como esta, as acusacións sen fundamento non forman parte da solución nin aportan nada, agás un maior clima de indignación entre os cidadáns.