O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, solicitou hoxe ao Concello de Lugo que faga públicos os informes das supostas deficiencias do novo auditorio, “eses que primeiro aconsellaban obras por importe de 300.000 euros, logo subiron a 800.000 euros, e días despois a máis de 1 millón de euros, para agora licitar obras por 334.000 euros”, sinalou.
Arias lembrou que “o Concello recibiu o auditorio sen opoñer ningún tipo de reparo, tras anos dilatando ese momento e obrigando á Administración autonómica a asumir actuacións que non lle correspondían, como a dotación do equipamento e o mantemento durante ese período”. “É unha absoluta incongruencia que o Concello fale agora da responsabilidade da Xunta e de problemas estruturais ou construtivos. O problema, sabémolo todos, é que o abandonou, e que lle vén grande xestionar unha das mellores infraestruturas culturais de Galicia”, indicou.
Así, o delegado territorial lamentou que “un auditorio que estaba chamado a ser un referente no ámbito cultural para a provincia, non está a disposición dos lucenses debido aos sucesivos atrancos e escusas do goberno local desde o momento en que esta infraestrutura estivo rematada”.