Javier Losada destaca a renovación de 178 fogares na provincia co Plan Nacional de Vivenda

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou hoxe os 13,1 millóns de euros que recibe Galicia do Plan Nacional de Vivenda. En concreto, a provincia de Lugo ten 1,3 millóns para a renovación de 178 fogares e Monforte verá a rehabilitación de vinte e cinco vivendas con 136.440 euros.

Javier Losada expresouse así durante unha visita a Monforte, onde se reuniu co alcalde, José Tomé, con quen visitou a Oficina de Rehabilitación Municipal e o edificio que albergará a futura comisaría de Policía Nacional. Alí estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

Losada asegurou que isto é unha mostra do compromiso do goberno con “cada recuncho” da Comunidade, pois esta localidade lucense tamén viu a recente licitación do contrato de servizos para a redacción do proxecto de trazado e construción da circunvalación. “Na Delegación do Goberno mantemos un dobre compromiso: por unha banda, impulsar en Galicia as políticas de progreso e benestar do Executivo de Pedro Sánchez, e doutra banda, facer chegar ao Goberno as demandas dos galegos e galegas”, continuou.

Javier Losada informou ao alcalde sobre as principais cuestións referidas ao Goberno e tomou “ nota” das demandas do rexedor. Todo co obxectivo “de cumprir este dobre compromiso”. Citou, de maneira especial, “a importancia que terá para Monforte a licitación do contrato de servizos para a redacción do proxecto de trazado e construción da circunvalación”, que será un tramo de 7,7 quilómetros da futura autovía A-76. O contrato actual ten un orzamento de case 650.000 euros e un prazo de execución de 18 meses.

Nese sentido, o delegado do Goberno e o alcalde analizaron os accesos a Expo Lemos. “Nestes momentos está en estudo a proposta de suprimir unha vía lenta para permitir o xiro cara a Monforte. É unha vía que neste punto ten un tráfico inferior a 5.000 vehículos por día e por tanto é posible. O obxectivo é acometer esta actuación o próximo ano 2019”, anunciou Javier Losada. Sobre a supresión de pasos a nivel, o delegado do Goberno lembrou que en Monforte hai sete e cinco serán suprimidos “dentro da actuación integral que se está promovendo no tramo ferroviario Ourense-Monforte-Lugo”.

Respecto aos outros, hai diferentes solucións sobre a mesa para o da Florida, entre as que aplaudiu a proposta polo alcalde, de facer unha variante da liña. “Hai que recoñecer que esta proposta ten dúas vantaxes: a primeira vantaxe é que con esta variante suprimimos outros catro pasos a nivel. E a segunda vantaxe é que permite levar a cabo un by- pass para trens de mercadorías cuxo percorrido sexa Vigo-León, sen necesidade de investir a marcha na estación de Monforte. Esta solución require dun estudo informativo previo do Ministerio de Fomento”, detallou.

En canto á nova comisaría da Policía Nacional, o delegado do Goberno confirmou que está “pendente” a cesión do inmoble, que espera que se concrete “a principios de 2019” para a realización dun proxecto “que está incluído no plan de infraestruturas”. O delegado do Goberno comprometeuse a actualizar o convenio que servirá para facer realidade a rolda urbana de Monforte. En concreto, avanzou que ao longo do próximo ano traballarase para renovar o acordo de 1995 cunha serie de cambios que permitan materializar a infraestrutura comprometida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com