Jesús do Páramo

Jesús Méndez lé La Voz todos os días, recorta o que lle chama a atención e mándao aos que sabe nos interesa. Ata hai pouco, todos os días tomaba café na praza Maior, e facía o mesmo percorrido urbano saudando aos amigos colleitados durante o seu intenso tempo de Secretario do Concello do Páramo.

Devoto do Santo Alberte que ten santuario na súa parroquia do Sambreixo guitiricense, este especial chairego é para todos Jesús do Páramo, polo traballo alí desenvolvido que lle mereceu homenaxe o pasado sábado no comezo das XLIV Feiras e festas da primavera paramesa.

Méndez impulsou en 1976 a Asociación de Amigos do Campo da Feira do Páramo, o rescate do seu extraordinario campo feiral e dos seus pendellos, e desde entón – xunto con paramesas e parameses entregados – protagonizou o desenvolvemento dun acontecemento comercial e social que fai do Páramo punto de referencia das feiras do país.

Neste Campo da Feira, á beira do concello, unha gran folla de carballo en pedra mostra o seu perfil e será permanente homenaxe a un secretario do concello que, rebasando funcións e cometidos do cargo, se mollou polo Páramo, aunou esforzos e contribuiu ao desenvolvemento dun concello con vocación agraria e gandeira que pode presumir dun dos primeiros campos da feira de Galicia – por non desairar a ninguén, non digamos o primeiro – e dunhas Feiras que culminan nas da Primavera de xeito extraordinario.

Méndez, este sábado, demostrou que a súa memoria e intelixencia seguen intactas, falando con paixón do Páramo e das súas xentes. Que a forza o acompañe no físico, como segue a facelo vibrar no sentir e no ser.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com