O novo coordinador local da agrupación de Cs en Lugo, José Álvarez Flores, mostrouse ilusionado ante esta nova etapa. “Na nova Xunta Directiva de Cidadáns Lugo asumimos con ilusión e confianza este novo período que se abre ante nós. Son tempos difíciles. Á pandemia sanitaria súmase unha pandemia política crónica para a que, agora máis que nunca, hai que empezar a buscar unha vacina”.
O novo responsable da formación laranxa sinalou que este partido e “as nosas propostas, baseadas na moderación, o diálogo, a rexeneración e o sentido común, son máis necesarias que nunca. As discrepancias políticas son fonte de enriquecemento, pero a cidadanía non pode ser usada como refén e vítima das loitas políticas entre os distintos partidos”, proseguiu. “Estas loitas e desencontros entre as distintas administracións e grupos políticos son un fiel reflexo do que non debe ser a política, usando como arma conflitos para desgastar ao rival político, cando en realidade os máis prexudicados son os cidadáns aos que se di servir”, dixo o novo coordinador en clara referencia á falta de entendemento evidenciado polos políticos galegos.
“Cremos nunha sociedade de cidadáns libres e iguais, moderna, sen complexos, orgullosa do seu pasado, inquieta polo seu presente e disposta a loitar, con esforzo, esperanza e determinación, polo seu futuro. Cidadáns é un partido moderado, dialogante, capaz de chegar a acordos e consensos, que antepon o benestar das persoas a intereses persoais e partidistas. Sentémonos, falemos e busquemos puntos de encontro e consenso”, concluíu.