José María Esteban, novo comisario xefe provincial da Policía Nacional

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe o acto de toma de posesión do novo comisario xefe da Policía Nacional na provincia, José María Esteban Corral. No acto, no que tamén participaron o xefe superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outras autoridades, conmemorouse ademais o 195 aniversario da creación da Policía Nacional.

Isabel Rodríguez destacou a feliz coincidencia que supón conmemorar o nacemento do corpo da Policía ao mesmo tempo que se incorpora ao seu mando en Lugo o novo comisario.

“Festexamos un feito histórico como foi o nacemento do corpo da Policía en España ao mesmo tempo que a Policía de Lugo recibe unha nova inxección de enerxía e de vitalidade”, dixo a subdelegada antes de destacar que o novo comisario xefe, que sustitúe no cargo a Antonio Villamarín, “ten unha brillante carreira profesional labrada desde o seu ingreso na Escola Superior de Policía en 1983, como acreditan as numerosas condecoracións que ten recibido polo seu traballo en San Sebastián, Oviedo, Irún e Avilés. A súa experiencia profesional e a capacidade de organización e dirección de equipos que ten demostrado nos distintos destinos polos que pasou son o mellor aval de que a seguridade dos lucenses está en boas mans”.

A subdelegada agradeceu a profesionalidade e compromiso da Policía Nacional e suliñou que “grazas ao voso esforzo, os veciños de Lugo, de Viveiro e de Monforte, os cidadáns sentímonos máis seguros e protexidos”.

A subdelegada lembrou que “o Corpo Nacional de Policía ten 195 anos de vída e de éxitos”, pero advertiu que “nunca hai que conformarse, a historia debe servir de estímulo para seguir construíndo o futuro e a Policía, como calquera entidade viva, está en constante evolución, ten que adaptarse aos novos tempos e debe estar preparada para os retos que presenta a continua transformación social e a aparición de novas formas de delincuencia”.

“Anímovos a non baixar a garda, debemos renovar o esforzo para manter a Lugo dentro das provincias con menores taxas de criminalidade”, remarcou a subdelegada, que aproveitou a presentación a sociedade lucense do novo comisario provincial para “pedirvos que lle deades todo o voso apoio, pois estou segura de que a súa acreditada traxectoria profesional ao mando dun equipo de profesionais como o voso supón a mellor garantía de tranquilidade para toda a sociedade lucense, á que nos debemos os servidores públicos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com