O delegado do Goberno, José Miñones, celebrou hoxe o acordo maioritario dos traballadores de Alcoa para traballar no futuro da pranta de San Cibrao. José Miñones valorou así, esta mañá, o respaldo dado polo persoal de Alcoa á sinatura do acordo negociado coa empresa.
José Miñones anunciou que a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, viaxará mañá, xoves, a Galicia para reforzar o compromiso do Goberno co futuro de Alcoa e a comarca da Mariña.
“Un compromiso co emprego e a actividade industrial desta comarca lucense que sempre mantivo o Goberno”, destacou o delegado, quen agradeceu expresamente a total implicación da Ministra de Industria, Comercio e Turismo e as súas numerosas xestións para salvar os postos de traballo e a continuidade da empresa en San Cibrao.
Miñones indicou que a ratificación do acordo pola plantilla de Alcoa “é a liña que nos permite seguir traballando polo futuro da Mariña” e adiantou que “desde o Goberno manterémonos atentos ao cumprimento das garantías do acordo”.
Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, expresou o seu firme apoio ás traballadoras e traballadores de Alcoa San Cibrao, nas últimas horas. Un apoio que chega nun “momento ben complicado” pero no que os propios traballadores tomaron a decisión. Unha solución que, dixo Cajoto, “votada polos traballadores vai ser sempre a mellor”.
“Creo firmemente que a opción elixida é a mellor no escenario actual: hai que facer un seguimento exhaustivo para que a firma cumpra o pactado e a fábrica continúe a producir aluminio nas vindeiras décadas. A multinacional deixou mostras evidentes de que non tiña intención ningunha de vender a factoría e as administracións autonómica e central deben velar porque Alcoa cumpra os novos compromisos e se non é así que se ateña ás consecuencias”, explicou Cajoto.
O presidente da Mancomunidade valora positivamente a vontade dos traballadores expresada co seu voto. Segundo lembrou o alcalde houbo un apoio maioritario ao si, cun 70% de apoios entre o plantel de traballadores e un 63% de votos favorables contando tamén ás empresas auxiliares. “Hai un hastío xeralizado cunha situación que se prolonga no tempo, as familias non poden vivir nunha incerteza permanente”, resaltou.