Jose Pérez Afonso, Josito, líder de Podemos na cidade de Lugo vén de renunciar a liderar as listas desta agrupación ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo en prol de facilitar posibles acordos entre os partidos. Segundo Pérez Afonso, faino para “centrarse de cheo no proxecto municipal” e así crear un espazo plural que poida conseguir “mellorar o día a día da veciñanza lucense”; proxecto no que seguirá a centrar, di, todos os esforzos máis aló do que tildou da “loita de siglas” que debilitan ao grupo.
“Non podemos agarrarnos a postos para satisfacer os nosos egos e poñelos por enriba de facer o correcto e, neste caso, o correcto coido que é dar un paso atrás, deixando de lado hooliganismos e loitas de siglas que soamente nos debilitan”, expresa Josito nunha misiva enviada aos medios na que tamén resalta todos os acordos “xa consolidados” con partidos municipais e xente independente da cidade de Lugo.