Lago Lage, responsable da comisión xestora do PSdG na provincia ata despois das Xerais

Logo da dimisión de Juan Carlos González Santín como Secretario Provincial do PSdG en Lugo, o partido vén de propoñer a Luis Ángel Lago Lage para ser o responsable da comisión xestora do partido na provincia, que hoxe mesmo quedou constituída, a ata logo das Eleccións Xerais, para logo convocar un congreso extraordinario para elixir a unha nova executiva.

Ademáis de Lago Lage, a comisión xestora está integrada por nove socialistas máis que foron propostos pola Executiva Nacional Galega e ratificados pola Comisión Executiva Federal. Dende xa, inicia a actividade política e orgánica dos socialistas na provincia cun claros obxectivo: renovar e incrementar o apoio dos lugueses nas eleccións xerais do 20 de decembro logo dos resultados do 24M e continuar, polo tanto, co proxecto socialista.

A xestora polo tanto, está presidida por Luis Ángel Lago Lage, actual secretario de administración e acción electoral do PSdeG e un dos máximos representantes dos socialistas na provincia luguesa, pois conta cunha ampla e recoñecida traxectoria profesional en todos os ámbitos da vida política. No municipal, destaca o seu labor no Concello de Cervo onde foi un dos homes fortes do alcalde socialista Roberto Álvarez Fernández.

No provincial, é salientable o seu intenso traballo como Deputado durante a etapa popular na institución luguesa, así como o seu papel como secretario provincial do PSOE en Lugo, cargo que ostentaba cando, por primeira vez na historia da democracia, un socialista acadou a presidencia da Deputación luguesa. Dende o ano 2000 e ata 2008, Lago Lage foi ademais o único representante do PSOE por Lugo no Senado, posto que ocupou ata o 2011.

– José Luis Raposo Magdalena, histórico Alcalde do PSOE na Montaña Luguesa, pois ostenta este cargo no Concello de Pedrafita do Cebreiro dende 1986, hai 28 anos. En todas as citas coas urnas, Raposo Magdalena acadou o apoio maioritario dos veciños. Suma 7 vitorias por maioría absoluta. O 24M resultou ser o Rexedor con máis votos na provincia logo de acadar o 76% dos mesmos.

– Mayra García Bermúdez, a primeira muller e a primeira socialista que acada a alcaldía de Trabada, un Concello no que, ata as pasadas eleccións municipais, nunca houbera relevo ideolóxico. Mayra García conseguiuno por maioría absoluta e con 26 anos, sendo unha das Alcaldesas máis novas de Galicia, así como unha xove promesa do PSOE. Foi ademais Coordinadora do partido na Mariña.

– Pilar García Porto. É Concelleira e voceira do PSOE en Antas de Ulla, así como Deputada Provincial dende hai 4 anos. Durante o segundo mandato progresista na institución luguesa (2011-2015), foi responsable da área de Economía, departamento dende o que se dirixiu a elaboración dos Primeiros Orzamentos Participativos dunha Deputación en España, e que tivo a de Lugo no 2015, así como a redución da débeda económica da institución ata os cero euros. Este mesmo ano, García Porto revalidou o apoio do PSOE nos Concellos do partido xudicial de Chantada, sendo elixida de novo como a súa representante no organismo provincial.

– Eduardo Vidal Baamonde. É Concelleiro socialista en Vilalba e Deputado Provincial dende este mesmo ano, pois foi elixido polos seu compañeiros socialistas nos Concellos que integran o partido xudicial vilalbés como o seu representante na institución luguesa. Foi Coordinador do PSOE na Terra Chá, así como delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Director Xeral da Fundación Centro Tecnolóxica Agroalimentario de Lugo.

– José Antonio Quiroga Díaz, outro veterán socialista, pois leva máis de dúas décadas afiliado ao partido e traballando no ámbito municipal, provincial, galego e nacional. Formou parte da Executiva Provincial de Lugo, da Executiva Nacional Galega e tamén do Comité Nacional. Destaca o seu labor na zona sur luguesa e, principalmente, a súa actividade no Saviñao onde foi Concelleiro durante 20 anos.

– Rodrigo Pavón Prieto. No 2013 e con 27 anos, afiliouse ao PSOE e pasou a ser membro da Executiva Local de Vilalba. Ese mesmo ano, conseguiu retomar as Xuventudes Socialistas neste Concello chairego. Nos pasados comicios municipais, foi de número 4 na listaxe dos socialista polo municipio vilalbés e resultou ser elixido Concelleiro. Ten 29 anos e é avogado.

– Marina Ramudo Graña. “Simpatizante do PSOE dende sempre”, tal e como ela mesma asegura, no 2007 decidiu formar parte da lista socialista no Concello de Pol. Dende 2011, ano no que o PSOE acadou a maioría absoluta neste municipio chairego e que revalidou o pasado 24M, é Concelleira de Benestar. Ten 40 anos.

– Silvia Rodríguez Díaz. Filla dun Concelleiro do PSOE en Portomarín dos anos oitenta, encabezou a lista socialista por este municipio, onde naceu, nas eleccións do 2007, resultando ser elixida Alcaldesa, cargo que ocupou ata o 2011. Na actualidade, segue a ser a voceira do PSOE en dito Concello da Comarca de Lugo. É Licenciada en Historia e ten 39 anos.

O décimo membro da xestora, será o voceiro provincial do PSOE na Deputación de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com