A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou hoxe as obras do centro social Paco Martín, ubicado no barrio da Piringalla, o primeiro que abrirá o Concello de Lugo como centro interxeracional, “de achegamento entre veciños e veciñas de diferentes idades, desde os máis pequenos aos maiores, en busca dun beneficio mutuo e simultáneo a través da súa convivencia, axudando así á socialización dos distintos colectivos nunha sociedade cada vez máis individualista”.
Será o primeiro de Lugo, pero non o único, segundo lembrou a rexedora, xa que o novo edificio de Servizos Sociais de Lamas de Prado, contemplado na estratexia DUSI Muramiñae, cuxas obras comezarán en breve, nace tamén co obxectivo de ser un centro interxeracional.
Acompañada das edís responsables de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, e de Benestar, Inclusión e Maiores, Olga López, a rexedora explicou que os ambientes e as salas do inmoble da Piringalla, que complementará aos distintos equipamentos sociais xa dispoñibles no barrio, “serán polivalentes e confortables co fin de propiciar que as distintas xeracións desenvolvan libremente actividades, compartan lecer e experiencias, e tamén se reconecten entre elas”.
A primeira planta do edificio será un espazo máis familiar e de conciliación, pensado para a estancia dos pais e nais, avós e avoas, cos nenos de menor idade. Incluirá unha zona de bebeteca e unha de lactación materna, a primeira que se crea nun edificio público municipal.
O seguinte andar inclúe unha sala de novas tecnoloxías e de lectura, cos libros como ponte de unión entre as diferentes xeracións co fin de achegar aos máis cativos “esa experiencia xa adquirida dos nosos maiores en beneficio da comunidade máis nova”, explicou Lara Méndez.
O terceiro piso está pensado como sala multifunción, para gozar dun lugar de descanso e lecer e compartir experiencias, xa sexan mozos e mozas ou xente doutras idades.
“Estamos a apostar por equipamentos adaptados ás novas necesidades dos usuarios e usuarias, e con esa finalidade instalaremos mobiliario polivalente e crearemos zonas de confort acolledoras, modernas e diáfanas, que conviden a compartir actividades, xa sexan programadas ou espontáneas”, comentou a alcaldesa.