A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apunta aos recortes en materia de seguridade como unha das causas que explica a onda de roubos en casas do rural que rexistrou a cidade esta fin de semana. Méndez defendeu que se trata de “casos illados” e cre que non se debe crear “alarma social”. Con todo, a rexedora apunta aos recortes como unha das causas que explican esta situación.
“Evidentemente a situación de recortes está afectando a todo, e o tema da seguridade tampouco se afasta desa realidade”, subliñou Lara Méndez, ao tempo que lembrou que desde o Concello solicitaron “máis efectivos” da Policía Nacional e da Garda Civil para controlar os roubos no rural.
Neste sentido, a rexedora cre que a Policía Local “sempre intenta reforzar a seguridade, malia que non estea no seu ámbito competencial”, pero cre que os últimos sucesos rexistrados na cidade apuntan que “se está poñendo de manifesto a necesidade de reforzar os distintos servizos”.