A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, condenou esta mañá as agresións sufridas por unha nena de 13 anos a mans do seu exmozo de 14 anos.
O xulgado de Menores de Lugo impuxo ao rapaz unha orde de alonxamento de dez metros e a restricción nas comunicacións por calquera medio da que era a súa moza.
Ambos eran amigos da escola e durante uns meses mantiveron unha relación ata que a rapaza quixo deixalo. Segundo se recolle no escrito de medidas cautelares do xulgado, nese intre a nena comezou a recibir mensaxes do seu exmozo con insultos e ameazas que o xulgado considerou de extrema gravidade.
O auto explica tamén que en diversas ocasións o rapaz petiscaba con violencia á moza ata chegar a facerlle moratóns e que nalgunhas ocasións dáballe cachetes nas nádegas por apostas cos amigos.
O xulgado advirte ao instituto do rapaz, situado na zona centro, así como aos pais que este non poderá comunicarse con ela nin achegarse a menos de 10 metros da cativa, excepto no interior do instituto no que deberá ser supervisado polos profesores que terán que velar porque o rapaz nin mire á nena para non amedrentala.
A rexedora lucense, Lara Méndez, condenou este ataque así como toda violencia que exista, facendo referencia ao atentado terrorista que tivo lugar en Manchester. A alcaldesa tamén resaltou o problema que temos como sociedade cando se ve “que hai un repunte na violencia e cada vez a máis tempranas idades, tanto que asustan”.