A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez cre que Pedro Sánchez non tería que ter dimitido como Secretario Xeral do Partido Socialista talo comité federal do pasado sábado. Méndez confesou que, como militante socialista, foi “un dia triste para o partido”. “Podemos discrepar sen chegar ao grao de crispación ao que se chegou. Isto non é bo nin positivo e quedará na nosa historia como un día negro para o partido”.
Neste sentido, a rexedora lembrou que Sánchez foi o primeiro Secretario Xeral do PSOE saído dunhas primarias, e di non comprender a razón pola que marchou pese a estar “lexitimado por todos os militantes”.
Sobre se debe dimitir tamén a presidenta da xestora en Galicia, Pilar Cancela, Lara Méndez cre que “non cabe a súa dimisión”, ao tratarse dun cargo que ten como único mandato preparar un Congreso para escoller unha nova dirección. “Non podes dimitir dun cargo que non é electo, a responsabilidade que ten que asumir é a celebración dun Congreso. É o único cometido que ten unha xestora”, aclarou a alcaldesa.
Con todo, a rexedora si confesou que o actual contexto político, con catro eleccións en apenas un ano levou a “prolongar as xestoras máis tempo do debido”. “Ao mellor hai que pensar en fortalecer os órganos do partido para que poidamos ser fortes e cribles ante a sociedade”, resume Lara Méndez.