A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, defende que Xoaquín Fernández Leiceaga está “lexitimado” para ser o voceiro parlamentario do PSdeG, ao ser escollido pola xestora que nestes momentos dirixe o partido e ao ser o candidato escollido pola militancia en primarias para ser candidato á presidencia da Xunta. “A priori creo que é a persoa máis idónea porque acada o consenso dos militantes para ser o portavoz”, subliñou Lara Méndez.
Méndez engadiu que no momento no que se conformen unhas novas direccións a nivel estatal e galego, se esas direccións estiman que o voceiro parlamentario dos socialistas debe ser outra persoa, podería deixar de ser Leiceaga. Con todo, “neste momento quen ten a decisión é a xestora e ademais do aval da gestora ten o aval dos militantes”.
Segundo a rexedora, o Partido Socialista non vive “o seu mellor momento”, tralas confrontacións escenificadas do pasado Comité Federal que acabou coa destitución do até entón secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.