A alcaldesa, Lara Méndez, presentou este xoves no cumio nacional Invest in Cities 2020 o seu modelo de cidade sostible, á vangarda na loita contra o cambio climático, e o fondo de capital risco emprendedor Lugo Transforma, co que o executivo municipal mobilizará 12 millóns de euros para atraer novas empresas. Fíxoo ante máis de 1.000 inversores e representantes de 15 países estranxeiros que seguiron o evento online.
Neste foro, a rexedora explicou ás potencialidades da cidade para captar investimentos e novas empresas, destacando a súa capacidade de crecer no eido turístico enfocado a ofrecer experiencias aos visitantes “grazas a riqueza patrimonial, natural, histórica e gastronómica da cidade”, así como no terceiro sector, onde o comercio e a hostalaría son claves. Neste senso, destacou o impulso do Concello pola dixitalización e modernización destes sectores.
Lara Méndez tamén centrou a súa intervención na importancia de apostar por un Lugo sostible como motor para captar investimentos e fondos e diversificar a economía do municipio, tendo en conta que Europa primará este campo na reconstrución das cidades tras a pandemia. Explicou que “Lugo xoga con vantaxe porque levamos xa cinco anos traballando en proxectos relacionados coa sustentabilidade porque cremos firmemente na importancia de deseñar cidades sostibles e, froito desta aposta, estamos a consolidar unha marca propia como cidade verde e cidade de futuro”.
“Queremos potenciar toda a riqueza do noso rural, a súa calidade de vida, e achegala ás urbes, cremos que é compatible, e por iso estamos a desenvolver proxectos pioneiros no deseño das cidades verdes do futuro. Neste senso, temos en marcha a estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, que supón, entre outras accións, a creación en Lugo do primeiro barrio multiecolóxico de España e do primeiro edificio público de Galicia construído, na súa totalidade, con madeira producida nos nosos montes”, subliñou.
Lara Méndez lembrou que “Europa ten posta a súa mirada en Lugo, porque somos un exemplo, pois este proxecto vaise extrapolar a outras cidades similares en tamaño e condicións e, ademais, xa se está a destacar en diferentes revistas e publicacións científicas, o que demostra o interese que estamos a xerar fóra das nosas fronteiras”.
Así mesmo, a alcaldesa definiu Lugo como “un concello emprendedor e proactivo, pois, pese ás dificultades do último ano, realizamos unha inversión superior aos 49 millóns de euros, e xa temos a vista posta no futuro. Por iso, recentemente aprobamos un fondo de capital risco emprendedor, denominado Lugo Transforma, co que mobilizaremos 12 millóns de euros, co obxectivo de atraer e consolidar pequenas e medianas empresas que xeren un alto impacto social e ambiental no municipio”.
Deste xeito, Lara Méndez expuxo as vantaxes competitivas de Lugo, nun evento no que participaron 18 cidades españolas, sendo a única capital de provincia de Galicia que acudiu á cita. O cume foi inaugurado pola secretaria de Estado de Comercio do Goberno de España, Xiana Margarida; o presidente de CEPYME, Gerardo Cuerva; e o presidente de Grupo PGS, Pablo Gimeno.
Os representantes das 18 cidades participantes nesta edición -Lugo, Marbella, Selecta, Guadalajara, Miranda de Ebro, Sagunt, Puertollano, Benavente, Talavera de la Reina, As Pontes, Provincia de Guadalajara, San Juan de Aznalfarache, Martos, Coslada, Pinto, San Javier, Algete e Monzón- déronse cita no evento para presentar ante os asistentes as vantaxes coas que contan os seus territorios para atraer o asentamento de empresas.
Ademais, empresas nacionais e internacionais de primeiro nivel como Telefónica, CBRE, IDE Logistics, FiGroup, Borrox Finance, Iberdrola, Suma Capital e October, participaron en relatorios e mesas redondas de interese onde se abordaron a innovación, o desenvolvemento sostible, a loxística, o futuro das cidades ou a importancia da colaboración público-privada.