A alcaldesa de Lugo comparou as xestións da Xunta no Hospital Xeral de Vigo, “que en 5 meses resolveu a situación”, cos “5 anos de promesas incumpridas” para darlle un novo uso ás instalacións da Residencia en Lugo. Lara Méndez explicou que hoxe o Consello da Xunta autorizou a retrocesión do Xeral vigués á Tesourería Xeral da Seguridade Social para albergar a nova Cidade da Xustiza, un trámite que para a rexedora “formaliza o maltrato continuado de Alberto Núñez Feijóo a Lugo”.
“É unha actitude inconcibible e imperdoable, que dende o goberno non vamos a consentir. Seguiremos dando a batalla para que Feijóo cumpra con Lugo”, subliñou a alcaldesa, quen lembrou que os “únicos que estamos traballando polo futuro da Residencia somos o Concello, as asociacións e os veciños de Lugo, a través da comisión municipal que temos en marcha para impulsar medidas que revitalicen o barrio”. Méndez denuncia a “nefasta xestión da Xunta que, tendo a responsabilidade, está deixando caer os edificios”.
175 anos do Colexio de Avogados
A primeira sede do Colexio de Avogados de Lugo estivo no número 32 da rúa Miño, e precisamente alí este colectivo quixo colocar unha placa conmemorativa do seu 175 aniversario, que se descubriu onte. Un acto no que participou o decano do Colexio, José Félix Mondelo Santos, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e a alcaldesa de Lugo.
Na súa intervención Lara Méndez destacou “a importante función e compromiso social” da avogacía e do Colexio de Avogados lucense en particular “ao longo de toda a súa historia”, pois, como lembrou, un dos primeiros acordos que adoptou no 1840 foi nomear a dous letrados para prestar asistencia e asesoramento de xeito gratuíto ás persoas máis vulnerables e desfavorecidas.