Lara Méndez denuncia que o Goberno da Xunta volve vetar Hemodinámica 24 horas

As declaracións feitas polo Conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, nas que descarta, a día de hoxe, a dotación de Hemodinámica 24 horas no Hospital Universitario Lucus Augusti, tivo contestación por parte da Alcaldesa que subliñou, “logo de reiterados anuncios electoralistas realizados polo propio Feijóo, demostran unha vez máis a frivolidade e a desvergoña do Goberno de Feijóo coa cidade de Lugo”.

“Lamentamos a cobardía, o cinismo e a insensibilidade de Feijóo coa saúde e coa vida dos lucenses”, destacou a rexedora, quen lembrou que logo de presentarse o balance do Rexistro de Atención ao Infarto de Miocardio, “incompleto e sesgado”, a Xunta, “sen ningunha vergoña” continúa sen implantar este servizo, a pesar de recoñecer eles mesmos a existencia de mortes por infarto e a pesar de ser un servizo demandado por 43.000 cidadáns.

“Unha vez máis ponse de manifesto o que vimos advertindo dende o Concello, que os lucenses somos cidadáns de segunda, posto que somos os que máis tempo tardamos en Galicia en ser atendidos cando se sofre un infarto, 192 minutos, o dobre que os cidadáns de Santiago ou da Coruña”, asegurou Méndez, quen instou a Feijóo a “que  cumpra coas débedas históricas que ten a Xunta con Lugo, débedas que el mesmo admitiu que existían na visita da pasada semana ao auditorio”.

A Alcaldesa tamén manifestou o seu descontento coa visita de Vázquez Almuíña o venres a Lugo para inaugurar unha exposición fotográfica no HULA, “visita do mesmo Conselleiro que hoxe lle veta aos lucenses un dereito tan fundamental como é a sanidade”.

“Lugo seguirá reivindicando o que por xustiza nos pertence”, indicou Lara Méndez, ao tempo que  defendeu que “os dereitos sanitarios son os mesmos en Lugo, que en Santiago ou na Coruña. Coa saúde e coa vida dos veciños e veciñas non se xoga”, Rematou.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com