A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, exporá as vantaxes competitivas de Lugo, como cidade á vangarda no deseño de proxectos vinculados coa sustentabilidade e a economía verde e circular, no terceiro Cume Nacional de Invest in Cities, que se celebrará o vindeiro xoves, 21 de xaneiro, a partir das 09:00 horas, e no que participarán 18 cidades españolas. Lugo será, ademais, a única das grandes cidades de Galicia que acudirá a este encontro.
Por primeira vez, debido á crise sanitaria e atendendo ás medidas de seguridade, este gran evento, ao que asistirán máis de 1.000 inversores e representantes de 15 países estranxeiros, celebrarase en formato en liña e estará aberto ao público a través da ligazón: https://www.investincities.com/cumbrenacional/
Lara Méndez explicou que “esta cita representa unha oportunidade única de mostrar ao mundo as potencialidades de Lugo, co obxectivo de atraer investimento e fomentar a creación de emprego. O noso municipio xa é un referente na posta en marcha de iniciativas destinadas á planificación das cidades sostibles do futuro, e agora é o momento de captar empresas acordes ao modelo de cidade verde e innovadora polo que apostamos”.
Neste senso, a rexedora lembrou a aposta do executivo municipal pola estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito local, “a través da que mobilizaremos 12 millóns de euros, coa creación dun fondo público emprendedor, co obxectivo de atraer e consolidar pequenas e medianas empresas que xeren un alto impacto social e ambiental no municipio nun prazo menor de 5 anos”. Así mesmo, convidou a todas e todos os emprendedores, empresarios e membros do tecido produtivo de Lugo a seguir este cume, aproveitando o seu formato en liña, “pois xuntos debemos construír o Lugo do futuro, establecendo os piares para a recuperación trala crise derivada da pandemia”.
Lara Méndez realizará a súa exposición no segundo bloque de intervencións, que dará comezo a partir das 10:50 horas, trala mesa redonda “Logistics Spain: o desenvolvemento do sector loxístico e as novas oportunidades do e-commerce”; e no que compartirá espazo cos alcaldes de Granada, Marbella, Guadalajara e o presidente da Deputación desta última provincia.
O evento será inaugurado pola secretaria de Estado de Comercio do Goberno de España, Xiana Margarida; o presidente de CEPYME, Gerardo Cuerva; e o presidente de Grupo PGS, Pablo Gimeno, a partir das 09:00 horas. Os representantes das 18 cidades participantes nesta edición -Lugo, Marbella, Selecta, Guadalajara, Miranda de Ebro, Sagunt, Puertollano, Benavente, Talavera de la Reina, As Pontes, Provincia de Guadalajara, San Juan de Aznalfarache, Martos, Coslada, Pinto, San Javier, Algete e Monzón- daranse cita no evento para presentar ante os asistentes as vantaxes coas que contan os seus territorios para atraer o asentamento de empresas.
Ademais, empresas nacionais e internacionais de primeiro nivel como Telefónica, CBRE, IDE Logistics, FiGroup, Borrox Finance, Iberdrola, Suma Capital e October, participarán en relatorios e mesas redondas de interese onde se abordarán a innovación, o desenvolvemento sostible, a loxística, o futuro das cidades ou a importancia da colaboración público-privada.