A Alcaldesa, Lara Méndez, entregou onte os diplomas aos 105 participantes das nove accións formativas da última fase do programa Lugo Emprego Activo 2, un proxecto subvencionando nun 80% polo Fondo Social Europeo que contou cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros. Trátase das accións formativas de coidador de persoas dependentes e enfermas de alzheimer, atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, operacións básicas de cátering, impresión dixital, monitor de ludotecas, operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas, operacións básicas de restaurante e bar, técnico en transporte sanitario e monitor de turismo activo; dirixidos aos lucenses con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, que tiveron lugar entre marzo e agosto.
Durante o acto da entrega de diplomas, Méndez mostrou o seu desexo de que “a formación adquirida sirva aos participantes para abrir novas portas e alternativas no mundo laboral”, ao tempo que lembrou a decidida aposta do Concello pola creación de emprego. “Mentres haxa 7.700 persoas desempregadas no noso municipio, este Goberno seguirá traballando na creación de emprego, creando un novo plan de emprego, que é un dos obxectivos da nosa acción de goberno, xunto ao benestar social”, asegurou a rexedora.
A Alcaldesa animou aos participantes a aproveitar todas as oportunidades de formación posibles, que ofrecen saídas laborais reais. “Nun mercado tan competitivo como o actual é necesario formarse continuamente e as actitudes e aptitudes son diferenciadoras”, indicou Méndez.