Lara Méndez insta a PP e Cs de Galicia e Lugo a aclarar se apoian que se conforme ou condicione un Goberno con VOX

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosou este xoves a súa preocupación ante “o serio risco de entrar nunha deriva perigosa de perda de dereitos” se un partido como Vox, “de ultradereita, machista, misóxino, homófobo e racista”, axuda a conformar ou condiciona a formación de gobernos.

A rexedora cre alarmante que se negocie cun “partido que odia ás mulleres, que rexeita totalmente o feminismo e que avoga por eliminar as ferramentas que puxemos en marcha para acadar a igualdade e para defender as vidas das mulleres, das nosas fillas, nais e irmás, a mans das violencias machistas”.

Lara Méndez fixo estas declaracións hoxe na celebración do 40 aniversario da Constitución.“A Constitución que hoxe cumpre anos é o resultado do acordo entre as distintas forzas políticas e sociais dunha época na que decidimos gañar e triunfar xuntos”, sostivo.

Por iso, lanzoulles unha mensaxe aos partidos da dereita, PP e C,s, en Galicia e en particular aos seus representantes da Corporación de Lugo: “Pídolles que falen, que se posicionen e digan claramente se apoian que os seus partidos pacten cunha forza que quere derogar a lei que protexe ás mulleres, que criminaliza aos inmigrantes, que quere suprimir o estado das autonomías e que quere acabar coa Lei da Memoria Histórica”.

“Calar agora é branquear este ideario, é ser cómplice”, afirmou a alcaldesa. Por iso, instou a que PP e C,s dean un paso adiante “para posicionarse e dicir se están cómodos cunha alianza coa extrema dereita, en contra da dereita europea, que fai fronte común cos partidos demócratas para evitar o perigo da ultradereita e o recorte de dereitos”. “Nun día como hoxe, PP e C,s deben explicarlles aos lucenses se están realmente no bando dos demócratas”, insistiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com