A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sinalou esta mañá que “o polbo está garantido” no próximo San Froilán, dado que os pregos de condicións recollen que se a empresa adxudicataria, a madrileña Bruxa Consulting S.L non entrega en tempo e forma o aval requerido, esta quedaría excluída do proceso e a adxudicación pasaría ao seguinte licitador que máis puxou polas casetas.
A empresa madrileña aínda non depositou o aval necesario para poder facer efectiva a súa concesión de tres das catro casetas do polbo e tres dos catro caldeiros. Con todo, aínda ten de prazo ata o día 16 para facelo. Lara Méndez quitáballe ferro a esta circunstancia e sinalaba que o Concello xa iniciou conversas coa empresa para realizar un seguemento do proceso.
Neste sentido, Méndez augura que “non vai haber problema” e que, aínda que esta empresa non deposite finalmente o aval, “o Concello poñerá todas as disposicións para manter esta tradición das casetas do polbo e garantir o San Froilán”. “É un binomio implícito: non hai San Froilán sen casetas”, resumiu Méndez.