A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de solicitar da cidadanía unha “implicación persoal” para colaborar coa contención do virus Sars-Cov2, causante da Covid19. Así o quixo expresar a alcadesa logo de coñecer as medidas impostas por Sanidade para as sete grandes cidades galegas.
Méndez puxo a disposición da Xunta “todos os instrumentos” do Concello para conter a pandemia, logo de ver tamén como as cifras de incidencia a sete días continúan en aumento. “É unha labor de todos, das administracións en primeiro lugar, pero a cidadanía é fundamental para que teñamos esa contención”, explicaba a rexedora que pedía “implicación individual” e “rigorosidade” ante as pautas indicadas polas autoridades sanitarias.
Dende o Concello, ademáis, veñen de cancelar todas as actividades programadas para esta fin de semana, coincidentes coa celebración do Samaín.