A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou de que a Xunta de Goberno aprobou na sesión extraordinaria celebrada este luns o proxecto de Orzamentos do Concello de Lugo, que, con preto de 91 millóns de euros e co investimento social como pedra angular, será sometido a debate e aprobación da Corporación no Pleno ordinario do día 31 de marzo. Esta mesma mañá, a rexedora, que compareceu acompañada da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, expuxo ao Consello Económico e Social (CES) o presuposto, que abordará a Comisión de Contas o día 28.
A rexedora declarou que este documento “é froito do diálogo cos distintos grupos municipais, un diálogo próximo, fluído e constante que mantivemos dende decembro co fin de escoitar as súas propostas e incluílas nos orzamentos, salvo aqueles que de forma unilateral decidiron romper o diálogo”; neste senso, sinalou que “espera contar co apoio necesario para sacar adiante o orzamento”.
O proxecto de Orzamento 2016 do Concello de Lugo ascende a 90.984.675,69€, o que supón unha cantidade similar ao 2015, en concreto, un 2,7% menos, fundamentalmente debido ao remate do plan URBAN, executado ao 100%.
O benestar social é o eixo fundamental dos orzamentos, xunto á creación de emprego, o impulso do turismo, fondos europeos como recurso de financiamento, e infraestruturas e servizos públicos, cinco piares que a Alcaldesa explicou un por un.