A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, respaldada pola edil de Economía, Ana Prieto, presentou hoxe ante os medios de comunicación o seu proxecto de Orzamentos 2019, que están aínda pendentes de negociación cos grupos da oposición.
Un proxecto no que se presupostan un total de 96,6 millóns de euros para a cidade, e no que destacan os capítulos de investimentos con 15 millóns de euros (igual que o pasado ano) ou o de Política Social con 28 millóns de euros. Entre as actuacións orzamentadas, atópanse, como resaltou a rexedora, varias iniciativas aprobadas por unanimidade no pleno da Corporación, como podería ser a humanización da avenida Adolfo Suarez, o Plan Integral de Mellora da Seguridade Viaria nos Pasos de Peóns ou a mellora de servizos nas parroquias do rural.
O Orzamento inclúe 2,3 millóns de euros para tres proxectos encamiñados a mellorar a mobilidade. Trátase da humanización da avenida Adolfo Suárez, que contará cunha achega de 1 millón de euros para o acondicionamento integral dunha das principais portas de entrada á cidade.
O presuposto contempla a partida de 1 millón de euros destinado á execución dun plan integral de mellora da seguridade vial nos 1.115 pasos de peóns existentes na cidade. O terceiro investimento en materia de mobilidade previsto no Orzamento proxectado por Lara Méndez ascende a 250.000 euros e irá destinado á humanización do entorno da Praza Conde Fontao, onde se instalará unha rampla mecánica para salvar a escalinata.
Lara Méndez asegurou ademáis que o seu proxecto presupostario inclúe unha continuación do Plan de Barrios, de novo con 2,5 millóns de euros, para “a mellora de servizos básicos, como asfaltado, beirarrúas, sumidoiros, abastecemento, mobiliario urbano, zonas verdes ou humanización”, indicou a Alcaldesa.
O Goberno mantén a aposta tamén polos Orzamentos Participativos, con 400.000€, un reforzo do Plan de Barrios, que “implica á cidadanía na gobernanza a través dun instrumento de participación directa na xestión dos fondos públicos”, explicou a rexedora, quen destacou a alta demanda desta iniciativa entre a veciñanza.
Asemade, no proxecto dos socialistas contémplase tamén a continuidade dos plans europeos; así, Méndez explicou que o goberno destinará, de aprobarse este documento, 4 millóns de euros para avanzar na implantación da estratexia DUSI, Muramiñae, recollendo novas actuacións como a posta en valor da cloaca romana achada na parte posterior da sala de exposicións Porta Miñá, a construción dun novo edificio sociocultural na zona de Lamas de Prado e a creación das piscinas termais.
Así mesmo, continúa cunha partida de 1,8 millóns de euros a implantación do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o desenvolvemento urbano sostible e a introdución dun novo modelo productivo en Galicia baseado no uso da madeira como material estrutural de construción. Con esta iniciativa, “aproveitamos unha das materias primas fundamentais de Lugo, a riqueza forestal, para xerar riqueza e emprego no rural”, afirmou Lara Méndez. As actuacións previstas son a construción do primeiro edificio público de Galicia con madeira galega, denominado Impulso Verde, e a planificación urbanística do 1º barrio multiecolóxico de España.
Ademais do Life, o Orzamento prevé investimentos por 1 millón de euros para a dotación e mellora de servizos nas 54 parroquias de Lugo, como iluminación, asfaltado, roza, abastecemento ou saneamento.
Entre as accións que destaca o goberno local dentro da súa partida de 28 millóns de euros para Política Social, o Orzamento compromete 100.000 euros para favorecer a mobilidade dos estudantes lucenses co fin de que melloren a súas competencias lingüísticas, culturais e profesionais cunha axuda económica que complementa as outorgadas polo programa Erasmus para financiar os gastos da estancia. A liña de axudas está pensada para atender a 75 mozos e mozas, empadroados no concello, cunha dotación económica dun mínimo de 100€ ao mes.
Ás áreas Benestar Social e Educación o Goberno pretende destinar preto de 13 millóns de euros, o que supón o 14% do Orzamento municipal. En Benestar Social o importe ascende a 9 millóns de euros para prestar unha atención directa a máis de 25.000 persoas. En concreto, este área dedicará especial atención ao servizo de Axuda no Fogar, aos 7 centros de convivencia municipais, ás 70 prazas de centros de día, á Casa da Muller e a emerxencia social.
A consignación para Educación é de 3,7 millóns de euros para a prestación, entre outros, do servizo de comedor escolar en 9 colexios públicos e das catro escolas infantís municipais e o cofinanciamento do novo centro de Garabolos.
Ademáis, o Orzamento 2019 dedicará, de saír adiante, partidas para Cultura (5M€), Deporte (4,4M€) e Dinamización económica e emprego (6M€).
Lara Méndez pediu á oposición “altura política para chegar a un acordo”, para así obter o apoio para estes novos presupostos que, a pesares de que non poden ir ao vindeiro pleno do 22 de febreiro, espera poder levalos a un extraordinario canto antes. “Sabendo da importancia fundamental que teñen uns orzamentos para todas administracións pedimos á oposición que poña a Lugo por encima dos intereses partidarios, e que levanten a man, non ás propostas do Goberno, senón ás propostas de toda a Corporación porque moitas delas están incluídas nestes Orzamentos. Espero acadar a confianza das distintas forzas políticas, e levar a Pleno o presuposto á maior brevidade posible, para así seguir construíndo Lugo e facendo máis para as persoas”, subliñou a Alcaldesa.