Lara Méndez presenta os avances da Estratexia EDUSI e do Proxecto Muramiñae

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de presentar esta mañá os avances que o goberno local leva feitos nas primeiras cinco obras do proxecto Muramiñae subvencionado con 12,5 millóns de euros dos cales o 80% proveñen dos Fondos FEDER da Unión Europea.

Lara Méndez explicou en qué punto se atopa cada proxecto e como vai a súa evolución. Deu conta, acompañada da Coordinadora no Concello deste proxecto, Isabel Villamor, dos anteproxectos ou estudos de viabilidade da pasarela peonil ao Miño, a ampliación do paso inferior da N-VI, a reforma da Volta da Viña, a descontaminación dos solos do Carme e a posta en valor do patrimonio deste barrio, despois de informar dos mesmos na Comisión de Seguimento do Muramiñae, na que están representados todos os grupos políticos da Corporación.

A rexedora falou da pasarela peonil e ciclista entre a Tolda de Castela e o aparcadoiro do Anxo Carro que está a espera do estudo de viabilidade. “Con esta actuación respondemos a unha importante e reiterada demanda que nos fan os milleiros de afeccionados que acoden cada quince días ao Anxo Carro e a cidadanía en xeral”, asegurou a rexedora.

Neste mesmo punto, na espera de informes se atopa a obra que o Concello pretende facer na Volta da Viña. Tras denegarse a posibilidade de crear unha rotonda, a día de hoxe o Goberno dispón do estudo de viabilidade, previo á elaboración do anteproxecto e o proxecto, pero “estamos á espera de recibir a preceptiva autorización de Fomento que nos faculte para poder actuar na Nacional VI. Enviamos a petición o 13 de decembro do pasado ano e aínda non tivemos reposta”. A opción sobre a que se traballa agora é crear un acceso directo dende o mirador de Volta da Viña, para o que, o Concello está pendente do que informe Fomento.

Por último, cos estudos previos de viabilidade se atopa a posta en valor do patrimonio histórico sito barrio do Carmen. Neste caso, prevese, entre outras actuacións, a posta en valor da cloaca romana descuberta no ano 2008 na parte traseira da Sala de Exposicións Porta Miñá, co obxecto de facela visitable e aberta ao público a través da súa musealización in situ. Dentro desta liña de actuación, tamén se valora, en coordinación co arqueólogo municipal, facer dúas sondaxes arqueolóxicas: no antigo camiño de Rego dos Hortos e noutros tramos da Calzada Romana ou no denominado Camiño do Balneario.

Os dous propxectos restantes, a descontaminación dos solos do barrio do Carmen e a ampliación do paso soterrado da N-VI por detrás do Pazo de Feiras están máis avanzados, tendo rematados xa os anteproxectos. Neste último proxecto, a proposta recollida no anteproxecto pasa por demoler o actual paso inferior, que está feito de formigón, e executar unha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e o fará moito máis agradable para o usuario.

Lara Méndez volveu a resaltar a importancia de sacar adiante estas obras que mellorarán a cidade e que foron moi solicitadas pola veciñanza e asegurou que estas actuacións non só teñen un fin concreto, como mellorar un acceso, salvar unha estrada, ou sacar á luz restos romanos. Estas actuacións, teñen unha finalidade global: achegar o río á muralla revelando todo o tesouro que existe no Carmen.

“Eu son das que miro as redes sociais como instrumento complementario para pulsar o sentir dos meus conveciños, e por iso estou tan contenta con estes proxectos. Os gobernos valen o que vale a súa capacidade para solucionar problemas e, co Muramiñae, non só damos resposta aos afeccionados do CD Lugo que se queixan da seguridade, ou aos que nos mandan fotos dos verquidos… co  Muramiñae pensamos no Lugo do futuro, no Lugo do 2028”, indicou a Acaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com