O PSdeG de Lugo xa ten listas coas que concorrer ás eleccións municipais. Así o confirmou esta mañá a rexedora da cidade e presidenta da Xunta Local do partido, Lara Méndez, quen, sen dar nomes, asegurou que está “tremendamente satisfeita” cos compañeiros de lista.
As listas serán presentadas na Xunta Local esta tarde e, na noitiña de mañá, Méndez, lla trasladará ao resto dos afiliados. Ante a marcha de ediles que suman anos no Concello, como Carmen Basadre, titular da área de Cultura, Ana Prieto, da de Economía, Rosana Rielo, edil de Concello e Cidadanía, e Manuel Nuñez, encargado das áreas de Educación e Infraestruturas Urbanas, a rexedora asegurou que “non se trata de renovacións” senón de “implicar a novos compañeiros”.
A lista que saia ratificada pola asamblea de afiliados terá que ser refrendada tamén pola Executiva Provincial, a Autonómica e pola Estatal, polo que Lara Méndez “confía” en que se lle permita ter ao equipo elixido por ela “para afrontar catro anos de goberno”.