Esta tarde a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou os estudios de Radio Líder Lugo e Xornal de Lugo, nos que concedeu unha entrevista onde falou de toda a actualidade municipal. Valora moi positivamente estes meses ao fronte do goberno municipal lucense e confesa estar moi ilusionada nesta nova xeira que agora emprende.
Na entrevista deu resposta a todas as preguntas formuladas ao respecto do anterior executivo local, da herdanza recibida, das propostas feitas neste tempo pola oposición, asi como da crise do sector leiteiro que neste días está a levar a centos de gandeiros a manifestarse na contra do prezo que paga a industria leiteira e as distribuídoras, prezo que non cubre nin os custos de produción. Os principais líderes sindicais afirmaron sentirse desamparados logo do encontro co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por unha “falta de compromiso real da administración autonómica, que bota balóns fóra cara ao goberno estatal e Bruxelas, mentres dende aquí non fan absolutamente nada”.
Lara Méndez afirmou ao respecto que “sempre se pode un comprometer, sempre se poden buscar os mecanismos dentro das competencias de cada quen, pero sempre se pode facer máis. Neste caso por exemplo, implantar a figura dun mediador creo que sería moi positivo para cando menos manter os prezos por riba dos custos de produción”.
“Non se pode falar de defender ao rural e que hai que fixar poboación nestas zonas, cando logo se mira para outro lado. Solo en Lugo temos duascentas explotacións, cincocentas persoas viven só de xeito directo do leite. Estamos obrigando a xente a non poder vivir no rural nin menos vivir del”.
Nesta mesma orde de cousas declarou “Quero aproveitar a ocasión para agradecerlle á cidadanía a súa concienciación e o seu apoio e empatía para cos gandeiros. Aínda que a situación resulta as veces caótica na cidade polo peche dun carril da Ronda da Muralla os veciños solidarízanse con esta crise porque entenden que é un sector primordial para a economía lucense e galega”.