A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do voceiro municipal, Miguel Fernández, rexistraron hoxe no edificio administrativo da Xunta en Lugo a solicitude oficial dos locais que o Instituto de Vivenda e Solo ten na Tinería. Para o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, este paso era “imprescindible” para que o ente autonómico paralizase a poxa destes locais comerciais, que segundo afirmou a alcaldesa “teñen que ter unha xestión pública”.
O goberno local solicita estes locais co fin de pór en marcha un viveiro de empresas a pé de rúa, xestionado polo CEI-NODUS, nun dos barrios máis emblemáticos de Lugo, coa finalidade de dinamizar esta zona da cidade. Lara Méndez explicou que xunto á solicitude de cesión, acompañan unha memoria do propio barrio e un informe que acredita que é posible a cesión; unha fórmula de traspaso dos locais coa que a Xunta non está de acordo.
Na solicitude, como primeira opción figura a cesión de uso dos locais de negocio, e no caso de que non se puidera por cuestións legais, a adquisición directa dos establecementos, pero todo elo, segundo explicou a Alcaldesa, “co obxectivo de facer unha xestión pública dos locais públicos” e aumentar os espazos para desenvovler a política público do Centro de Empresas e Innovación do Concello.