A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sinalou esta mañá que “o que toca é que fale a militancia” despois da crise desatada no PSOE coa renuncia de 17 dos 35 membros da executiva federal para forzar a saída de Pedro Sánchez como Secretario Xeral e provocar a creación dunha xestora que dirixa o partido.
Lara Méndez cre que non é momento de falar de dimisión de Sánchez “cando hai un Congreso federal á porta da esquina”, en referencia á cita deste sábado na que se reunirá o máximo órgano entre Congresos dos socialistas.
“Parece que todo o mundo pide un Congreso. Pois a preparar a data, que se celebre o Congreso e a escoitar á militancia. Que a militancia di que o Secretario Xeral debe ser Pedro Sánchez? Pois será Pedro Sánchez. Que a militancia di que ten que ser outra persoa? Pois acataremos o que diga a militancia como se fixo sempre”, resumiu a rexedora.
Sobre esta cuestión tamén se refería esta mañá o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, que recoñeceu que o partido se atopa agora mesmo “nun limbo”. Con todo, Campos aclarou que segue recoñecendo a Sánchez como Secretario Xeral e que estará “a muerte” coa persoa que dirixa o partido en cada momento.