O concello de Lugo arrancou hoxe as obras na Praza Agro do Rolo, no barrio da Milagrosa, e a alcaldesa, Lara Méndez, xunto co Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Daniel Piñeiro supervisaron esta mañá o inicio de obras de mellora e humanización desta praza.
As obras consisten na mellora da estética da praza, que mide 4.235 metros cadrados, coa creación dunha zona de xogos cuberta, duns 230 metros cadrados, unha zona verde, situada no lateral da praza, que consistirá na creación de tres camiños peonís que comuniquen Agro do Rolo coa rúa Anselmo Sampedro, con bancos; e a zona central, onde o Concello colocará bancos e mobiliario urbano e plantará árbores.
Como lembrou a alcaldesa, o proxecto responde a “unha demanda veciñal que vén de antano”, para a que existía un proxecto de 2011, que o Ministerio de Fomento “decidiu paralizar”. “O que fixemos dende o Concello foi retomalo e actualizalo, o que nos permite seguir avanzando na humanización de espazos, actuando nun entorno privilexiado, nunha praza xa emblemática, que aínda o será moito máis unha vez rematadas estas actuacións”. Lara Méndez incidiu en que o proxecto contribúe a materializar un modelo de cidade “pensado na persoa, no peón, con espazos públicos para uso e desfrute dos veciños e veciñas durante todo o ano”.
Estas melloras contan cun investimento de 223.000 euros de fondos propios e que permiten ao Goberno “seguir avanzando no modelo de cidade que queremos para Lugo, máis agradable, cómoda e accesible, con máis espazos públicos para uso público”, subliñou a rexedora.